ESTA NON É A FIN

Quedan as reconquistas.

Mentres a Consellaría de Educación aproveita covardemente o tempo estival para comunicar aos centros de ensino públicos de toda Galicia a redución do cadro de persoal docente e, por contra, desvía máis cartos para os centros privados.

Mentres malgasta miles de euros cambiando libros de matemáticas, tecnoloxía ou física e química en galego polos mesmos en español, incorrendo con toda probabilidade nun delicto de prevaricación que enquista e devolve o proceso de normalización do idioma a tempos pretéritos, e, por contra, non temos outra máis que reconfortarnos na épica partisana da nosa Academia (saudamos o recurso contra o decretazo).

Mentres nun escenario de crise sistémica son os traballadores e traballadoras que alicerzan a arquitectura social quen, obrigados/as, turran titanicamente por unha recuperación que nunca ha contar con eles á hora do reparto dos gaños, e a esquerda anticapitalista se indigna contra o espello e rexeita a posibilidade de trazar o contrapoder constituinte coa mesma forza coa que combate a superstición.

Mentres o Tribunal Constitucional zarrapecha o Estado Autonómico coma se for unha lata de sardiñas, coutando na subalternidade o futuro das linguas minorizadas, limitando a expresión libre fóra do sagrado idioma común, ou achega –outra vez corenta anos despois- a indisoluble unidade española á infalibilidade dun dogma católico máis ca a unha presunción con aires de lenda, unha crecente multitude percorrerá mañá as rúas de Compostela pedindo independencia para as reconquistas nacional-populares.

Aló estaremos.

DE BANDEIRAS

Eu non lles son moito de bandeiras, nada de nada se falamos da rojigualda, é evidente, pero malia as ridículas teses de Rosa Díez as identidades existen e sobre estas algunhas cousas me van quedando claras: hai un idioma e unha clase social, eu non preciso máis. Ambas condicións canxan baixo a da banda azul e a estrela de cinco puntas. Máis nada. Imaxinarán, logo, o engulo destes días de fútbol e sobredose españolista.

Alerxia tampouco lles teño, ao cabo son trapos, pero detrás dalgunhas hai un pasado de sangue e un presente de opresión que mancan nos ollos e poñen noxo no corazón. Poñamos por caso a do estado de Israel. E se falamos da española actual, o mesmo.

Pensar na española, pre ou posconstitucional –so muda o debuxo do centro-, dáme risa porque sempre recordo o conto aquel dos dous curmáns que gardaban fila para bicala na mili. O primeiro foi interrogado (en castelán, claro) sobre que era para el aquela bandeira, e ao non recoñecela respondeu (en galego, claro) que un trapo. Foi duramente reprendido e castigado alí mesmo, á vista de todos, mentres lle repetían que aquilo era a súa nai. Cando lle tocou ao curmán, asustado polo que viña de ver e ante a mesma pregunta, non dubidou ao dicir que aquela era a súa tía María.

Ben, España e o concepto de integridade territorial do estado, que consagrou a Constitución tardofranquista e que lle outorga ao exército a principal misión de defendela polas armas se for preciso–doutra maneira España non sabe-, non son cousa de risa. Hai unha tradición de opresión e escurantismo que eiquí aterroriza uns e enche o peito doutros e fóra sitúa o estado dentro dos lindes do ridículo. Valía o terrible exemplo daquel fatídico 11 de marzo no que todo o mundo sabía a verdade que o goberno español pretendía ocultar.

Nalgures lle lin a Chus Pato as orixes do costume de pendurar unha tea dun mastro e que iso se converta en símbolo baixo o que unha moitedume de seres racionais se sintan unidos. As orixes non son o que agora nos importa. Que unha cantidade significativa de xente optase en Galicia por pendurar das ventás a bandeira do estado que nos oprime, que nos limita o crecemento e a felicidade só responde, ao meu ver, a dúas posibilidades: a traizón do pseudosocialismo felipista (“vivimos no mellor dos mundos posibles”) ou a idiosincrasia daquela pintada que honraba un valo: o medo a ser libre provoca o orgullo de ser escravo.

Pois si.

CONTRA QUEN GAÑA ESPAÑA?

Se hoxe gaña o mundial a selección da Federación Española de Futbol non gañará o deporte, gañará España. E cando certa España gaña sempre o fai contra alguén que non é só o equipo contrario, senón a España que quere ser outra cousa (un trago pola memoria de César Vallejo). A lista pode dar para aburrir os perdedores ou para irar –máis- os gañadores doutra guerra máis antiga e crúa; vexamos: Catalunya e Euskal Herria sobre todo (a TVE conectará con Sabadell e con Durango, por exemplo, onde algúns airearán unha bandeira con moito máis resaibo político ca deportivo), as abortistas, os antitaurinos, Zapatero e os comunistas, Otegui e os terroristas, Carod e os independentistas, os das pateras, as neofalantes, os homosexuais, as mulleres conscientes, quen non colga a bandeira española no balcón, o dereito de autodeterminación… España cando perde advirte e cando gaña ameaza.

Por onde eu vivo a ameaza faise efectiva en forma de exclusión. Superadas as semifinais contra Alemaña, observei como algúns entusiastas defensores do mítico relato nacional-católico reclamaban dos transeúntes alleos á celebración un Arriba España! que, horror, para aqueles nostálxicos recordaba tempos de grandeza e para outros un oprobio que nunca marchou de todo. Quen non comparte a paixón é situado ipso facto na listaxe da vergoña. Algo pasará cando os nostálxicos do viva la muerte precisan reafirmar á mínima oportunidade a súa españolidade. Dea unha volta o amable lector por Intereconomía.

De gañar hoxe a final o equipo da Federación Española de Fútbol daráselle continuidade a un longo vía crucis patriótico con aires de reconquista.