DO OFICIO DE ESCRIBIR (e III)

O ollar da/o escritora será un faro descubrindo físgoas de luz onde ninguén sospeitaba nin a máis mesta escuridade. Así entendo a revelación da literatura. Porque a literatura ou é revelación ou non é nada.

Unha escritura plúmbea non é sinónimo de conflito estético nin unha comunicación ilimitada pode semellar inconcreción. Non debe sobrar unha palabra, pero pode faltar o que sexa, agás a necesidade de comunicar sentimentos. O conflito estético morreu con deus, mais todo o que foxe do corazón, sexa palabra, idea, proxecto, obra ou consecuencia de todo o anterior, acaba volvéndose irremediablemente descorazonador. A comunicación habita tamén na vontade de ser e de saber. A escritora será embaixadora da distancia. A literatura é Presente.

Os espazos interestelares, a caricatura do límite, transmutan en gran de area e á vez en abismo: Signo de deserto e metáfora dunha tarde, un viño e un plan transformador polas rúas de Mariñamansa. O relato, o poema, é a casa; a escritora, unha chave de gas aberta e a posibilidade dun misto revolucionario.

A conexión, a chispa que move o planeta, a emanación da vida, o recordo, o dang do reloxo da catedral, a razón que te trae, lector/a, a este abismo, o lado pobre da fronteira, o segundo antes do disparo, o segundo despois da fin da gargallada, cando recordamos Palestina ou cando nos ollamos nunha vidreira e esquecemos Palestina, Oaxaca, Euskal Herria… todo é literatura.

PARÉNTESE: PORQUE É NOSA, QUEREMOS A CAROLINA EN GALEGO (audio)

PARÉTESE: PORQUE É NOSA, QUEREMOS A CAROLINA EN GALEGO

PARÉNTESE: EIN?

Se o BNG se presenta como vencedor da folga xeral, porque en localidades nas que o BNG goberna ou é maioría (Bueu, Allariz…) non houbo apoio á folga e permaneceu todo (todo!) aberto?