MARXES

O do honor évos cousa que nunca me apeteceu tomar moi en serio. Que quede para os militares. Que apanden eles con ese peso, eu estou coa crítica, tan civil e democrática, tan humana e fráxil e disgregable que case podería funcionar como antónimo daquel. Por outra banda e paradoxicamente, sobre algunhas cousas abonda con que os feitos falen, e quizais esquivar unha procura indirecta sexa a vía máis curta para calquera caste de terceira vía. Algunhas experiencias hai ao respecto. E polos mesmos vieiros vai o tema do prestixio. Tentarei explicarme.

Vimos de coñecer o informe do IGEA igea_informe_00_def2_02 e a -leve- polémica nos papeis entre plumas non demasiado antagónicas. Que o tal informe nos faga aterrar no debate non é senón causa de celebración e calquera debería acoller con salvas de honor o que en tempos do bipartito nin se cheirou e algúns tantísimo botamos en falta. A cuestión, por centrarmos o discurso, é que unha cousa é aterrar e outra ben distinta tomar terra (afuciñar). No tema do idioma, evitarmos físgoas polas que o inimigo poida fincar a unlla forma parte dunha estratexia tan necesaria como atinada. Estaría ben que quen nos posicionamos diante dos totalitaristas que crebaron o consenso a prol dun idioma que aínda segue e seguirá en pé, deixásemos de ser tan previsibles. Mesmo para nós mesmos/as. A unidade, que non a uniformidade, alicerza o camiño que tarde ou cedo habemos de percorrer. Na nosa man estará empecermos ou facilitarmos o percurso; outros serán os que han celebrar os paus nas nosas rodas. Ou quizais non estaría de máis acudir a unha declaración de intencións como aquela que asinaron os de CIU, penso, nunhas eleccións de hai anos en Catalunya e que eiquí nunca se deu, nin no BNG: prometo que, sexan cales queiran as circunstancias, nunca pactarei co PP nin con quen poña en perigo hoxe ou no futuro a hexemonía social do idioma galego. Algúns habíamos durmir máis tranquilos.