FOLGA XERAL

A última folga xeral, a do día 29 de setembro de 2010, foi, sen discusión, un éxito en Galicia. As maiores vilas e cidades do país, costa e interior, principais centros de habitación e traballo para o proletariado galego, permaneceron case totalmente inactivas. Grandes empresas e pequenos negocios, Vigo foi unha vez máis o corazón da dignidade proletaria do país. Pero quen está chamado a xestionar e defender o minguado nivel de vida da clase traballadora galega, quen por principios, por ideoloxía, debería mirar pola maioría social deste país, móstrase de cara á galería como tal, como baluarte do esquerdismo, pero decretando contra esta maioría social. Fronte por fronte, a maioría que formamos os traballadores e traballadoras galegas conscientes somos proxectados á opinión pública, a nós mesmos/as, coma o problema, coma a causa da debacle económica: os nosos dereitos, as nosas prevendas, o noso nivel de vida “cuase millonario” coma orixe da fenda. Velaí o seu maior éxito: convencernos. Só un exemplo: Aznar privatizou Endesa e Endesa devólvelle o favor dez anos despois cun soldo de 200.000 euros ao ano. Felipe, o mesmo. O Capital non da puntada sen fío.

A clase traballadora galega é un dos puntais da nosa nación, da nosa identidade. Dela, coma do idioma, depende a existencia do noso pobo. Poderán recorrer a Fukuyama, á globalización ou ao que queiran, pero aquí estamos. E aquí seguiremos. E nada mellor poderemos facer que defender o que somos, traballadores e traballadoras galegas, contra quen aposta dunha maneira insensata e traidora por afondar nas diferencias sociais.
Para acadar o maior éxito é indispensable a unidade das nosas forzas. Unha fronte unitaria do sindicalismo de clase, intelixencia e forza para dirixirnos a clase traballadora galega coa contundencia precisa para convencer a quen, no seo da mesma, se queira ver noutros códigos. Cada un/unha de nós debe saber con quen ten que compartir a loita: nesta multitude entramos todos/as, mesmo quen o ignora. E o obxectivo vai máis alá do 27 de xaneiro, da folga xeral, debemos mudar unha forma de pensar -non somos resistencia- e unha maneira de actuar cara a conquista do noso particular castelo branco. Somos cada un, cada unha de nós, que sabemos o que é o gueto e que coa nosa forza tentamos saír del, quen porá a xenerosidade e a radicalidade necesarias nesta marcha sen volta contra o noso Pazo de Inverno.