O TRISTE SORRISO DE TOM HANKS

Leo Indignádevos!, de Stéphane Hessel. Este parágrafo destaca:

“Desexo para todas/os vós un motivo de indignación. É valiosísimo. Cando algo indigna, como a min me indignou o nazismo, daquela, un faise militante, forte e comprometido. Únese á gran corrente da Historia, que debe proseguir grazas a cada un/ha de nós e que camiña cara á maior xustiza e liberdade […]. Estes dereitos que en 1948 a Declaración Universial dos Dereitos Humanos recolleu no seu programa, son universais. Se atopades alguén que non goza deles, compadecédeo e axudádeo a conquistalos.”

Nos nosos días medran vizosos os motivos para indignarse. A eito entran pola TV, pola prensa, a radio ou a rede neste mundo informado á velocidade dun click. Esta non é unha revelación, é evidente. Pero é claro que estamos de noraboa quen procuramos razóns para a militancia. Quen gardamos no corazón un recuncho especial con luz, portátil e café quente para a indignación, un cravo malo de arrincar (interpretación propia de Rosalía).

Seguro que alguén lle dixo algunha vez a ese home que se queimou ao bonzo e que desencadeou esta serie de revoltas no norte de África e no Próximo Oriente: unha persoa non cambia o mundo, non poderás facer nada. Seguro que mastigou estas palabras máis dunha vez xunto coa desesperación, coa rabia. Unha persoa non cambia o mundo é o primeiro mandamento, a primeira ensinanza de quen quere que nada cambie. Pero non cómpre ir tan lonxe, nin na xeografía nin na praxe. Non é preciso saír da nosa terra. Abondan os motivos na porta da casa. Lingüísticos, laborais, sociais, de xénero… Todos agardando a nosa resposta.

A min, hoxe mesmo, indignáronme. Enrabexáronme, vaia, e como mínimo contribuiron a achairar o camiño cara a esta bitácora, tomado ultimamente pola broza e algún coio traidor deses que se enguedellan entre os pés e convidan a dar a volta. Hoxe unha persoa (castelán falante en calquera circunstancia, desas que se encontran do máis cómodas baixo as pólas do Decreto de Feixó and company) dirixiuse a min pronunciando unha palabra en galego, unha, pero esaxerando a pronuncia desa maneira irreal que nos calzaron algúns dos humoristas de éxito nas cadeas estatais, para maior gloria do seu patetismo e do noso paletismo (refírome a persoas como a mentada neste parágrafo). Ben, a intención estaba clara pero por se había algunha dúbida, detrás da boutade escachou coa risa buscando a aprobación na risa das outras persoas que ocupaban nese momento a sala.

E aí quedou todo. Eu acordeime de Tom Hanks en Philadelphia, cando os seus compañeiros contan un chiste de maricóns e el ri a graza con dor inmensa.

Desexo para ti, amiga, amigo lector, un motivo de indignación que te afirme no camiño.

UN VÍDEO INTERESANTE

http://www.youtube.com/watch?v=UNgJ9xiLQ4Y