CAMPAÑA DE PROLINGUA: CARTA ABERTA AO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA



Carta aberta ao Presidente da Xunta de Galicia

Sr. Presidente da Xunta de Galicia
SANTIAGO DE COMPOSTELA

Señor Presidente:

Os asinantes, compoñentes da Cerna de ProLingua e en representación dos máis de dous mil membros desta plataforma apartidaria e plural, integrada por persoas de moi diversa ideoloxía e profesión, mais especialmente como galegas e galegos que desexan preservar para as xeracións futuras a nosa milenaria lingua propia, e preocupados polas declaracións que determinados candidatos das próximas eleccións municipais e sinalados dirixentes do Partido Popular de Galicia fixeron, dirixímonos a vostede para lle expoñer as nosas inquietudes sobre dunha hipotética, pero non descartada, reforma da actual Lei de Normalización Lingüística (Lei 3/1983) no sentido de diminuír as esixencias que a citada lei contén no sentido da protección da lingua galega.

De se producir tal feito, e de sufrir a nosa lingua un novo decaemento da súa situación legal, queremos lembrarlle que iso significaría

a) Que o Partido Popular de Galicia rompería de forma unilateral o consenso acadado para a promulgación da LNL en 1983.

b) Un abuso de poder dada a escasa lexitimidade democrática que se contén no feito de modificar por maioría simple o que se adoptou por unanimidade.

c) Unha actuación contraria ao espírito da Constitución Española (Art. 3.3), do Estatuto de Autonomía de Galicia (Art. 5.3) e da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (BOE, nº 222 do 15/9/2001), que instan, todos eles, á defensa e promoción da lingua propia de Galicia.

d) Unha constatación pública e evidente da actitude de belixerancia contra o galego que mantén o partido que sostén o goberno de Galicia.

Por todo isto, rogámoslle a vostede que, consonte coa oferta de pacto pola lingua que manifestou no Courel o Día das Letras Galegas do pasado ano, se comprometa publicamente a non promover nin acometer ningunha reforma da LNL que non se produza co mesmo consenso e unanimidade con que a Lei 3/1983 foi aprobada no seu día.

Galicia, 9 de abril de 2011

Se estás de acordo, asina: http://prolinguagalega.org/2011/04/11/asina-en-defensa-da-lnl/

CONTRA A LEI DE AUGAS DE GALICIA

Non coñecemos posicionamento ningún por parte das institucións contra certas formas de abuso. E a lei inxusta é unha delas. Quizais a máis execrable porque atenta baixo o berniz da legalidade democrática. A lei, esa forma de orde do Partido da Orde. Esa maneira inapelable de demostrar que isto é unha verdadeira democracia. Coñecemos, si, o trámite para enfrontala: longo, tedioso. Viravoltas burocráticas que cando por fin chegan admíranse de reprobar as migallas que quedaron da execución, do festín. A lei.

Valia como exemplo a Lei de Partidos, que vén de impedir que cidadáns en posesión de todos os seus dereitos se presenten ás eleccións, polo que pensan e non polo que fan. A mesma lei, disque igual para todos, que postula entre as súas máis apreciadas máximas que ninguén é culpable antes de ser xulgado. E que ninguén pode ser xulgado sen lle apoñer cargos previamente.

Cos clásicos na man, o colonialismo implica basicamente o roubo da forza produtiva. Cando este roubo se espella no psicolóxico, na intelixencia social, o espolio atopa a pista asfaltada.

Pode esa palabra, colonialismo, non ser pronunciada. Pode que se apele á dignidade ou a outros fumes autorreferenciais que non fan outra cousa que engordar a doenza á par das contas bancarias de certas elites e xornais nacionais. Carecemos de mentalidade empresarial, pensabamos que a auga era pública e diante da nosa dignidade non faltará que nos teña por incultos ou insolidarios responsables do atraso deste País.

O colonialismo soporta mal certos símbolos: aqueles cuxa existencia non pode ofrecer beneficio empresarial. Son poucos os activos que non cederon xa baixo a presión da lei dos mercados: recorden: “el auga de la tierra del auga”.

Se non o vemos é porque xa fomos engulidos. Dentro, servindo os intereses do mercado.

Para certos asuntos nunca hai democracia directa. Va que non arman unha consulta popular para isto?