15M

Salvando as inmensas distancias xeopolíticas entre a Galicia inmediatamente posterior aos abalos do postPrestixe –ai, o pasado é pasado- e a Galicia desta altura (non parece posible un Risco peidando outra Mitteleuropa, pero cousas máis raras se viron), o camiño que daquela iniciabamos no país respecto da restauración e posta en valor dunha dignidade que nos dicían roubada, non deixaba entrever con facilidade as coitas nas que hoxe abafamos. Quero dicir que as necesidades da Historia non son previsibles como as do corpo.

Ou si. Morreu Nunca Máis e a dignidade ficou enlagada entre o chapapote que queda detrás das multitudes cando se retiran vencidas. Pero algo quedou, como nas campañas de Baltar, que pode resultar aproveitable. E nunca se sabe. Unha visión astigmática, a miña, devólveme estes días un seguidismo que nos era alleo nos tempos de Nunca Máis, cando o país marcaba ritmos e rimas (as das consignas). Recordemos que a Revolución non crea periferias, evítaas.

Un amigo chamoulles neohippies e sentinme molesto, eu, que escoitaba –e aínda escoito- metal e odiaba as crestas. Pero vexo nesta xente consumidores dunha realidade tetrabrítika, non un camiño aberto. Quizais este é o resultado do mellor dos mundos posibles que proclamara Felipe. Raxoi non lles dedicou máis de dúas referencias tanxenciais no último mitin, entre os ouveos dos seus cachorros. Mal andamos se isto nos satisfai.

E é posible aproveitarlle algo a isto? Cómpre reconducir a indignación. Ou alumear as causas canxándoas coa loita nacional, social e de xénero. Cousa ben complicada, abofé, pero absolutamente imprescindible. Por incapacidade ou porque xa navegan as toldadas augas do totalitarismo ou porque hai siglas que arderon xustificando o inxustificable, ninguén máis ca nós, cada un e cada unha, fará nada por recoller esa indignación. Arestora as máquinas do sistema traballan arreo: os futuros hackers da verdadeira revolución dormen sobre o quilómetro cero da resaca destes días.

ALGUNHA PREGUNTIÑA

E se un comando, así, sen máis, coa autoridade que lles outorgan as metralletas en conxunción co deus dos católicos, asaltase a residencia de verán de Solana en Poio e lle zorregase un tiro na fronte?

E se un comando -o mesmo de antes- asaltase a universidade na que adoutrina Aznar e lle metese un tiro na fronte?

E se un comando -o mesmo comando pluriempregado de antes- asaltase o rancho de Bush e lle voase o sombreiro texano e lanzase o cadáver ao mar?

E se o citado comando lle quitase a vida aos anteriores máis a Blair acusándoos de terroristas.

Se isto ocorrese e mañán un tonto do estilo de Xabier Sardá saíse en Al Yasira dicindo que o presidente de tal país (en realidade o comandante en xefe do comando do que falabamos) fixo moi ben e que ten autoridade moral para ir onde queira a matar a quen cre culpable, que ocorrería?

Hoxe moitos máis nenos pensan que matar é unha cousa boa. Moitos queren ser soldados de maiores para ter ese poder.