OS PEIXES NON SON PROPIOS DO MAR

Segundo biólogos do Instituto para o Descubrimento das Evidencias Mariñas os peixes non son propios do mar. Nun recente estudo financiado pola Federación de Conserveiras Unidas, os anteditos biólogos observaron a existencia de peixes nos ríos e nos lagos, mesmo nalgunhas fontes, o que evidencia que os peixes non son propios do mar. A existencia destes en lugares fóra de mares e océanos “no deja lugar a dudas”, din os biólogos. Para maior xustificación, o medio mariño, argúen, está colonizado tamén por mamíferos e vexetais “de toda la vida”. Este descubrimento posibilitará, “en aras de un equilibrio justo” e despois das queixas plantexadas polos crustáceos, segundo vén de facer público a Asemblea da ONU, que os peixes sexan despoxados de todo dereito de posesión e uso sobre as augas intercontinentais, continentais e gasosas (pensando nos peixes voadores). Nada se di de fontes e acuarios, que se conservarán, ao parecer, como xenerosas reservas naturais e se xestionarán como protectorados pola devandita Federación. Como compensación por tantos anos de abuso, a cada peixe cortaráselle unha aleta e serán obrigados a alimentarse só nas horas nocturnas.

En total conivencia coa Asemblea da ONU e practicamente nos mesmos termos se manifestou o Alto Comisionado para a Defensa dos Ciprínidos, quen engadiu que calquera tipo de lexislación favorable ao libre e feliz desenvolvemento da vida piscícola debería ser derrogada de inmediato en aras dunha sá e pouco discriminatoria convivencia co resto de especies mariñas. E engade que “xa é con tempo”.

Algúns peixes expresaron o seu total acordo coa nova liña lexislativa que se vén de abrir como consecuencia destes feitos e engaden que o sentimento de culpabilidade non os deixaba vivir.

?

Porque agora que ETA declarou a fin da violencia non deixan de sacar na tele as asociacións de vítimas? Acaso España tiña en ETA o seu máis importante factor de cohesión? Celebramos a fin da violencia.

AS REDES ESCARLATA ANTE A ÚLTIMA RAZZIA POLICIAL

A policía española detivo a semana pasada seis persoas en Vigo, Padrón e Lugo. A ofensiva político-xudicial e a mediática coordináronse con precisión á hora de criminalizalas. Da mesma maneira que España só recoñece a cidadanía aos súbditos, a presunción de inocencia unicamente funciona para violadores, para banqueiros ou para eses cargos que cando xuran defender a Constitución parecen xurar tamén a suspensión da súa validez nos casos de rebeldía política.

O tratamento dado polas televisións, radios e xornais de masas lembra a posta en escena do totalitarismo: narración de delitos consumados (?) fronte a descrición das acusacións; conculcación do dereito á imaxe pública; descontextualización de declaracións para engadilas á condena sen xuízo precociñada na dirección dos medios; violación da intimidade e do enderezo familiar; criminalización (xa ocorrera tras o desaloxo da Sala Yago) que chega ao patético extremo de transformar en arma terrorista unha garrafa de gasolina baleira ou tres teléfonos móbiles.

O Estado español continúa facendo méritos para figurar en cada guía de atropelo aos dereitos humanos que se publica no mundo. Todo indica que a represión se recrudecerá; mentres, moitos galegos e galegas persistiremos na nosa negativa a asumir que a Nacionalidade Única e o Capitalismo usurpen a palabra democracia.

Nas Redes Escarlata queremos facer expresa unha inequívoca mensaxe de solidariedade coas persoas detidas e coa súa contorna familiar e social.

Compostela, 6 de decembro de 2011