Coa Folga Xeral

Folga: derivada do verbo folgar: descansar, tomar azos despois dunha fatiga. Á súa vez do latín folligare: arfar, alentar, con base na idea do camiñante que se detén para recuperar o alento no alto dunha costa. Na 4ª entrada do Gran Xerais: Interrupción do traballo realizada con fins reivindicativos.

Pero quen abusa no folgar é un folgazán. Folguista e folgazán teñen, polo tanto, a mesma orixe. Diríamos que mesmo a etimoloxía está da parte do Gran Capital. Noutras linguas o camiño foi outro: grève en francés, sciopero en italiano, Streik en alemán, strike en inglés. En grego? En grego estanna redefinindo.

Xeral: adxectivo referido á totalidade dos individuos, das cousas ou dos feitos, que prescinde de casos especiais ou detalles, que afecta a todas as partes, común. Do latín genus/-eneris: pobo, nación, xénero, mesmo os xenerais, que son os que queren mandar en todos. Pero tamén liñaxe, especie. No que nos interesa: que afecta á xeneralidade dos traballadores/as, á totalidade.

Folga xeral ou folga total, polo tanto, fronte a folgas parciais.