UNHA OPORTUNIDADE PARA A ESPERANZA

Diante do transo esperanzador que vén de iniciar o nacionalismo/soberanismo galego e os vieiros que a curto prazo se abren, despois dunha división que moitos vemos como primeiro paso cara á esperanza, quen non militamos en partido político ningún pero si nuns principios permanentes e á vez móbiles coma as mereas que fluctúan con maior ou menor éxito no noso país dende hai preto de cincuenta anos dentro das marxes do nacional e o comunal e que fundamentan a angueira do (re)nacemento e a vida digna nesa realidade incuestionable -nesta época todo hai que dicilo- que chamamos Galicia, sentimos a ansia común de darlle unha oportunidade á esperanza. A esperanza ou se fai visible nas rúas, na sociedade, e polo tanto posible, ou vira soño irrealizable. O que consideramos imposible esquécese e os soños esquecidos encóllennos, afastan o horizonte de utopía polo que pulamos. Desexamos desencorar ese soño, que sempre viviu na esperanza. Hai tempo que non abondan as estreitas rúas compostelás no corsé ritual dun día ao ano nin o ritual cuadrianual imposto por quen odia todo o que amamos.

 


E a nosa esperanza fundaméntase na posibilidade dunha unidade das forzas políticas de esquerda que non cuestionan nin para si nin para a sociedade a cerna republicana que vemos imprescindible para un futuro de progreso libre de protectorados económicos, lingüísticos ou de xénero. Non estamos pola resistencia meduliana nin por puxas fratricidas que só conducen á esterilidade ou a un futuro que se contenta na fábrica de souvenirs: estamos por vivir libres denantes de morrer escravos. En política, e máis neste caso, todas as decisións que se toman buscan manchar as mans. Manchémolas, pois, antes de que nolas corten.

SEMANA SANTA

Pensamento I: Porque a monxa católica Sor María, ladroa de nenos e nenas, non foi excomulgada aínda?

ARDE O EUME, ARDEMOS TOD@S

O das Fragas do Eume non pode pasar sen máis, sen culpables e sen condenas. Desgraciadamente, todo parece indicar que, coma noutras ocasións, así ha de acontecer. Mañá deberíamos convocar outra folga xeral indefinida mentres os/as responsables primeiros e últimos deste crime (crime é palabra que empregou o Presidente da Xunta na comparecencia pública ao respecto) non paguen civil e penalmente o desleixo, o abandono, é dicir, a isca. Pagar con cartos e con cadea, por esta orde.

Primeiros.

Polo que vimos de dicir, temos tamén a obriga de volver unha vez máis a revisar a arqueoloxía sistémica e evidenciar as eivas que posibilitan que atentados coma o da queima das Fragas do Eume (onte o Prestixe, mañá…) permanezan cos principais responsables impunes nos seus postos públicos, cando non premiados por unha xestión criminal. Por principais referímonos a quen desde as súas responsabilidades de xestión permiten que o monte se transforme nun polvorín. Mediante a estetización da carraxe, chamémoslle folga, resistencia ou o que sexa, e o emprego responsable e radical dos medios legais ao noso alcance, debemos facer que o escarnio e a xustiza caia sobre eles.

Últimos.

As condicións que determinarán a contemporaneidade futura, dende os espazos fabrís aos barrios máis deprimidos, dende calquera aldea aos pisos que aínda manterán a placa co xugo e as flechas, dende os desafiuzamentos ás ocupacións e repoboacións rurais, a significación social do proceso de concienciación nacional require dun paso previo: a valorización de cada centímetro do noso país e a superación da servidume. Non é algo sinxelo, máis cando queda pouco que defender e moito por reconquistar. Quen estamos na tarefa non somos unha etiqueta xurdida ao abeiro das condicións impostas, como unha “comparsa útil” á procura dun “patrimonio a valorar”. Estamos aquí para enfatizar a necesidade de preservar a vida fronte ao malvivir. Unha vida afectada pola desaparición. Polo lume, física e metaforicamente.

Hoxe.

Dende o goberno de Galicia menten no número de hectáreas queimadas. Menten nas consecuencias do incendio. Menten nos medios dispostos para a extinción dos lumes. Menten, menten e menten.