Media bandeira ao vento

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Supoño que terá moito que ver cos recortes de Rajoy o feito de que no Monte do castelo de Allariz alguén chantara media bandeira de Galicia. Media, media, a outra metade para reducir o déficit.

É curioso o deste monte. Chámanlle Monte do castelo e alí non hai nin monte nin castelo. Como moito un outeiro e as pedras dun basamento que ninguén sabe ubicar. Tamén din do Arnoia que ao seu paso pola Ziralla é o río máis bonito do mundo. Dino os alaricanos, claro, como o diría calquera do río ou regueiro do seu lugar. Pero non deixa de ser curioso a de cousas que non se ven e que efectivamente hai en Allariz.

Das cousas que non sendo, son, podería ser o título doutra espirituosa obra inédita (e inagardada) do moi alaricano, pero de nacencia ourensá, Vicente Risco. Ao tempo, por algures ha de aparecer. Mesmo hai quen di ver o magro home de letras paseando aínda polas empedradas rúas da vila.

En Allariz somos moi dados a ver o que queremos ver. Máis ca nos concellos limítrofes. E cando un ve, os outros imos detrás. De feito, o outro día alguén veu
un oso no Briñal e aló fomos todos. E si, vimos un oso que nunca estivo alí. Mesmo veu a TVG.

E o da beleza do Arnoia tamén é algo que sen estar, está. O mesmo có castelo. Eu véxoo cando miro cara ao seu monte. Acolá soberbio, malia desamortizacións e demais. Vexo poucos católicos na vila con máis igrexas por católico cadrado de Europa, pero non vexo laicismo institucional cando miro o señor alcalde presidir oficialmente a procesión do san Bieito todos os anos, a carón de uniformados. Para ver hai que mirar, pero mirando non sempre se ve.

Ver, que cousa marabillosa. Hai quen precisa dúas copas de máis para ver porque sen elas só mira. E hai descridos que nin miran nin ven en calquera circunstancia. Por exemplo, din que o que hai no alto do Monte do castelo é a bandeira galega. Banda azul sobre fondo branco, sen máis adovíos. A dúbida xorde ao ver (ao mirar) a banda azul só por un lado, ficando o outro albo, puro, valeiro como o Estatuto que a lexitima. Con todo, ben mal debemos estar cando o meu corazón se contenta con só ver media bandeira de noso ao vento. Ai…

 

CARGUEN E APUNTEN: VEDA ABERTA CONTRA O FUNCIONARIADO

Era polo 92, finais, cando en plena resaca olímpica, ou como consecuencia da mesma, o Goberno do PSOE respondía coa conxelación dos salarios dos/as traballadores/as públicos/as a provocación de estes convocaren dous días de folga por non considerar suficiente unha suba do 3,8%. A previsión estimada do aumento da inflación era do 4,5% e alguén, dende a sufrida óptica do poder, puido pensar que se concedían grazas e prebendas a treu. Que as funcionarias perdían poder adquisitivo a favor das oligarquías xurdidas raposeiramente á sombra do boom especulador que nacía coa morte das olimpíadas -e que engordou morbidamente coa Lei de liberalización do chan (1998)-, a ninguén lle importou nin minguou a vingativa resposta do goberno de Felipe González. Ao fin, 1992 foi ano de múltiples inauguracións e fundacións pola banda dos especuladores, e a algunhas burbullas insuflábanselle por aquel tempo os gases que habían facelas estoupar poucos lustros despois. Dende aquela, coma unha bola de neve rodando costa abaixo pola liña que situaba o paro na maior taxa porcentual dende a Restauración (un 24,55% da poboación activa) e interesadamente alimentada con todo canto prexudicase a imaxe pública dos/as funcionarios/as, as expectativas de poder adquisitivo situaban esta saída laboral entre as peor consideradas polas camadas nacidas baixo o xugo da CEE, despois do mar, a agricultura e a gandería, afogadas polas políticas neoliberais. Entre o funcionariado naceu por primeira vez a conciencia de clase e algúns/has soubéronse proletariado.

Aquel ataque contra os/as traballadores/as públicos/as, coa primeira conxelación salarial da historia recente no Estado español, había inaugurar a serie de agresións económicas perpetradas por todos os gobernos posteriores, fose cal for a cor política, e había asfaltar a pista para os apriorismos e lugares comúns que hoxe nos sitúan entre os colectivos peor considerados pola sociedade. O mesmo PP que en 1992 votara, con toda a oposición, en contra da conxelación imposta polo PSOE de Felipe, en 1997, da man de José María Aznar e con Mariano Rajoy como ministro de administracións públicas, volveu conxelar os salarios dos/as empregados/as publicos/as. A terceira conxelación veu en 2011, con Rodríguez Zapatero na presidencia do goberno estatal, despois de que en maio de 2010 o mesmo goberno xa rebaixara un 5% o salario dos funcionarios. Esta medida inaugurou a primeira redución salarial para o colectivo aprobada por un goberno postfranquista e oculta a dubidosa honra de abrir a enxurrada reducionista que está a completar o PP de Rajoy. O que xa é unha rutina atopa continuidade nas medidas solicitadas pola CEOE de Joan Rosell, entre as que sobrancea unha outra conxelación salarial que, desta vez, se había prolongar como mínimo ata 2015. A pretensión, non cansan de repetir, é animar o crecemento e crear emprego. A manobra xa foi abrazada polo Goberno español, parabenceada polo Consello de Europa e confirmada para todo o 2012 pola vicepresidenta e portavoz Soraya Sáenz de Santamaría. Unha vez máis, o sector público, por decisión unilateral de quen administra a cousa pública, arrógase o papel de comodín, de parvo útil, contra unha crise que outros deseñaron para nós e que os gobernos e organismos afíns ao sistema nos pretenden impoñer. (Mentres escribo estas liñas confírase o que era noticia a mediados de xuño. Europa impón as contrapartidas que o FMI propuxera como consecuencia do rescate de cen mil millóns de euros cedidos por Bruxelas para subvencionar a banca privada, e que han servir para engordar banqueiros e subordinados directos destes. Entre outras, esas medidas/contrapartidas integran a suba do IVE e dos impostos especiais, a baixada dos soldos dos funcionarios e a supresión das deducións fiscais por adquisición de vivenda).

Outras medidas

A carón da redución e conxelación salarial (o Salario Mínimo Interprofesional conxélase en 641,4 euros ao mes), o goberno español ampliou a xornada laboral no sector público ata as 37,5 horas semanais e aplicouse á conxelación dos cadros de persoal en todas as administracións (agás nese caixón de xastre que chaman servizos básicos, onde todo e nada cabe). A taxa de reposición, é dicir, a cobertura de vacantes, será do 0% para 2012 (un ERE encuberto na administración pública), exceptuando docentes, persoal de hospitais e corpos represivos do Estado, onde será do 10%; non deixa de ser curiosa esta relación, sintomática e recorrente na circular historia de España: a represión (ata a morte, non hai moito tempo) sobre uns é cifra do traballo doutros. Mentres, estímase que a finais de xullo serán despedidos uns 150.000 empregados públicos, entre interinos, persoal laboral e persoal das empresas públicas. Coa supresión da paga extraordinaria de decembro (que se devolverá coma fondo de pensións a partir de 2015 e do que se reterá unha parte se este se retira e que contará como asignación extra na declaración da renda), a ecuación, consecuentemente, resolverase co binomio de sempre: máis traballo por menos soldo. A estas medidas hai que engadir a radical modificación da Lei de demarcación e planta, que establecerá un novo mapa no que se verán reducidos os partidos xudiciais no noso país ao mínimo imprescindible e que provocará, ademais dunha moi deficiente xestión cara ao administrado, o traslado forzoso da maioría das traballadoras do sector da xustiza e a amortización de centos de prazas. O maior prexudicado será o cidadán na procura da tutela xudicial efectiva, ademais das economías locais nos máis variados sectores. Esta medida, moi combatida noutras ocasións polos sindicatos maioritarios, conseguiu coarse na última reforma dunha maneira subrepticia conseguindo establecer toda unha provincia como ámbito no que aplicar a tan contestada “mobilidade laboral”. Desta maneira, unha funcionaria poderá deitarse traballando en Vigo e erguerse traballando en Lalín.

“Es sólo el inicio del inicio”

Estas palabras, pronunciadas por Mariano Rajoy en plena efervescencia postelectoral e arrogado de poder abondo para facer e desfacer á vontade, resumen a intencionalidade do goberno español. O paso seguinte foi anunciado na última semana de xuño polo titular do Ministerio de Facenda, Cristobal Montoro, e pola presidenta da Comisión de Economía do Congreso e deputada do PP, Elvira Rodríguez: “Os salarios públicos terán que se reducir, e esta redución terá que ser para todos e ata que cobren un 10% menos, porque non hai previsión de que nun tempo próximo a Administración sexa quen de recadar máis recursos” que por outra parte, engade, “lle quita ao sector privado e aos cidadáns”. Ninguén explica de que maneira os recursos públicos destinados ao sector privado repercuten no benestar do pobo, ou da parte do pobo que non pertence ao Consello de administración da empresa receptora. Ninguén en que porcentaxe eses recursos públicos volven ao Público ou rematan engrosando o patrimonio de mans privadas. En calquera caso, dende a conxelación salarial practicada por Felipe González en 1992 ata os últimos retallos de Rajoy, a perda de poder adquisitivo dos traballadores e traballadoras do sector público alcanza preto dun 50% que nunca, nunca, será recuperado. E o IPC, o indicador por excelencia na economía de libre mercado e que cada ano nos devolve con crueza a realidade cotiá, nunca reparou en reducións nin axustes entre as clases populares.

Disparen

A campaña de hostigamento laboral e social é paralela entre funcionarias e paradas. Ambos colectivos fan parte da sadovangarda que a Providencia designou para enfrontar o tsunami co peito espido, do sparring no que mallar a eito.

A converxencia fiscal con Europa a calquera custe e por riba de calquera dereito social e laboral, substituta da efectiva converxencia social ata Maastrich, postulouse como o único obxectivo de todos os movementos reducionistas dos que somos testemuñas. O ataque contra os/as traballadores/as públicos/as non é un ataque contra a causa dos males do sistema, é un ataque contra os servizos públicos como único reduto vixente do Estado do Benestar. É unha acción kamikaze. É a execución expansionista do pensamento único. Os nazis levaron esta medida ata as últimas consecuencias con enfermas e todos aqueles que importunaban a súa expansión imperialista. E se o traballo nos fai libres, nas duchas do neoliberalismo a liberdade fede a Zyklon B.