Ourense, mar de merda: o esperpento celanovés

Non se trata de ser xustos e eficientes, que va; tampouco de exercer o servizo público como vocación nin de non perder a sombra de humanismo que persegue toda decisión, por irrelevante que pareza. O horizonte é o soño e non un proceso telepático social. O que din as estatísticas repíteno os covardes. E viceversa. Cando as estatísticas se confirman os covardes pasan a ser os únicos superviventes do filme etc, etc… Pero pasan os anos, veñen os fillos e un vólvese conservador; iso é un axioma. E entón descubrimos que do que se trata en verdade é de gobernar para convencer, enriquecerse logo, militar no deixamento ata engordar ata límites mórbidos, ir de putas ao Bar Varela e ler discursos feitos por outro levemente máis listo ca un. E cando a teta seca, outra teta.

O alcalde de Celanova (PP) dimitiu para integrarse na lista do seu partido por Ourense nas pasadas eleccións autonómicas: boa navallada ao baltarismo. Unha chulería a proba de calquera oposición e un bandullo directamente proporcional en volume aos anos no cargo, vinte e un, son todo o aval que presenta o veterano presidente da cámara celanovesa. No seu lugar deixa a un excura que sempre fixo parte das listas do PSOE nos comicios municipais. Iso si que é ascender. Na disciplina católica para ascender hai que morrer antes ou votar pola castidade –lítote de abstención e en calquera caso solemnidade absoluta de doada revogación. Ca política gañamos sempre.

Así fala España

O diálogo, esa ladaíña sempre pola salvación de España que os
sucesivos gobernos invocaron ata o engulo, évos cousa ben subxectiva.
Ao longo das décadas última do século XX e primeira do XXI, a xeito de
irrelevante posta en escena foi saltando de man en man, de goberno en
goberno, como cerna do Estado de Dereito fronte calquera violencia que
non viñese do mesmo Estado que invocaba ese diálogo.

Dependendo de quen o solicite, o diálogo resulta ariete da democracia
ou vía intolerable de entrada niso que na neolingua do facherío, tamén
europeo e no ambicioso marco do capital, se vén chamando
“inestabilidade”. En xeofísica a inestabilidade recorda os terremotos,
a morte. En economía, o abismo. E España garantiza que en calquera
caso vetará a chegada dos equipos de salvamento.

En Euskal Herría, agora que non hai violencia da mala, o diálogo
implica un infinito de condenas que non conducen a máis nada que o
desquite de España. Primeiro hai que condenar a violencia (de ETA),
despois os corenta anos de violencia (de ETA), e así ata pedir a
condena das tapas de Casa Uriarte.

E é que opinar é a dialogar coma o bagazo á augardente. Conditio sine
qua non. E dous non dialogan se un ten prohibido opinar e o outro
maquinaria de guerra. En España, estado moderno, garante e valedor de
todas as liberdades, a opinión é libre mentres se exprese ao pé mesmo
do alambique, probando a potada. Na intimidade, vaia. Aí, en voz baixa
e fina, podemos destilar calquera opinión. Por iso se Cataluña quere
opinar sobre a posibilidade de constituírse en Estado e vai e convoca
un referendo, España non ten máis que mandar avións de guerra voando
baixo sobre a comarca do Vallès Oriental, para abouxar e recordar quen
pode e quen non pode opinar.

Así ocorreu hai un par de semanas. Os vasos tremeron nos estantes. É o
que ten a inestabilidade.