GOOD BYE, BALLESTA

 

 

 

 

 

 

 

Lemos coma un acto de dignidade suprema, deses que por esta Terra nos confortan moi de vez en cando, que a afección celtista mostrase o seu desacordo coa contratación do millonario ultradereitista Salva Ballesta como segundo adestrador do Celta. Unha vitoria que anotar no noso lado da conta. Desas que tanto precisamos. Hoxe o Celta é máis noso.

Afirma o protagonista da noticia que “é unha mágoa que nestes tempos se confunda a política co deporte. Eu nunca falei de política, só dixen que estou moi orgulloso de ser español”. Declararse español é facer política, madia leva, ben acoutada en canto ás posibilidades que se propoñen. E esquece Ballesta que iso precisamente, mesturar política e deporte, é o que leva facendo cada vez que abre a boca ou celebra un gol. Pero pode estar tranquilo, as súas opinións, sempre a favor de posturas ultradereitistas e preconstitucionais, non lle reportarán un procesamento xudicial. As cousas son así no seu país, e se cadra é por iso polo que o ama tanto. Pero declararse español, admirador de Tejero ou partidario dunha intervención armada en Euskal Herría ten estas consecuencias se un o di en Vigo, ser rexeitado polo pobo consciente e antifascista cando o posto que habías ocupar foi designado a dedo. E a veces hai éxito (e felicidade) na casa do pobre. Se cadra nada pasaría en España, pero aquí si. Loado sexa o pobo de Vigo.

Good bye, Ballesta. Vai para onte te queiran.

E este feito unido á defensa do dereito básico a unha vivenda digna (iso que queda tan ben na Constitución e que a fai, din, progresista), neste caso a de Aurelia, que unha multitude fixo onte na Coruña, reconfórtanos plenamente.