ABRIL, POLA NOSA REPÚBLICA

Convén ser claros cando falamos dende o presente.

Produción pode significar infinito; é atreverse a pronunciar futuro, a pensar nas flores vermellas dun abril que ha de vir. Infinito para a clase traballadora e na lóxica republicana é non só vida digna hoxe senón tamén para quen vén detrás, ignorantes aínda dun crime que xa é tradición.

 
Traballamos e producimos sine die, cunha intención que multiplica (por nós) e se descarta (polos alleos/as), todo a un tempo. É dicir, sen un horizonte quen de garantir o futuro, o infinito, a produción. Traballamos sobre a dúbida do que ocorre hoxe e do que poderá pasar mañá. No entanto o tempo pasa sempre na nosa contra. Mentres, quen manda, quen ten a capacidade mandar, se cadra concédenos a graza dun metro de terra máis baixo os pés antes do abismo.

 
E quen espera recúa e regala a vantaxe da autoafirmación, da presenza ofensiva. Nesa espera (pola axuda que nunca chegou) morreu a resistencia antifranquista. Dende aquela contemporaneidade vimos sufrindo a violencia activa e pasiva de quen se perpetuou na oligarquía, a violencia herdada dun proceso que, na espera, non quixemos rupturista. Nesa espera morreu a poboación xudía que caeu baixo as gadoupas nazis (despois de lle roubaren as casas, os negocios, os cartos, as familias, a dignidade…) sen exercer a lexítima violencia contra quen os alindaba nun tren camiño da morte. Como acabou a historia desas xentes que aceptaron ser levadas ao campo de concentración sen loitar? E coa espera, coa nosa desesperante espera, matamos hoxe moito máis cós dereitos de noso, da maioría que agarda paciente e tranquila –confiada na súa imprescindibilidade- ao pé das vías a chegada do comboio que a ha levar á submisión total. A máquina do capital non acouga, nunca espera.

 
O idioma, atacado ser reservas nin vergoña; os sectores produtivos , desactivados maioritariamente senón hipertrofiados a mantenta; do sector público: conxelación tras conxelación, eliminación de pagas, baixada de soldo, aumento do horario, taxa de reposición 0… Que máis queremos para lexitimar e exercer unha contundencia que xa non admite máis demora? Que máis opción queda que a rebelión, a resposta xusta á agresión que xa sufriron os nosos pais, as nosas avoas, e aínda ben máis atrás, e que parece perpetuarse para a clase traballadora?

 
Temos identidade e estamos dispostas a constituíla en suxeito xurídico. Somos a maioría minorizada e afirmámonos porque non negamos ningún horizonte nin para nós nin para a nosa terra. Son a nosa clase quen esperan no anden quen lles tire a venda dos ollos fronte un camiño con máis luz e esperanza. Esta é a única vía. O obxectivo, desaloxar do goberno galego a dereita española que con ínfulas de xinea fidalga o ocupa e amortece. A posibilidade e a positividade dunha República de nós para nós, de nosoutras para nosoutras. Nese traballo estamos e non podemos esperar máis. República Galega!

REAL         Academia         Galega

SOMOS ROSALÍA

http://www.youtube.com/watch?v=27Yx9H3gRXs