Breve observación sobre unha noticia do Faro de Vigo

Conto oito parágrafos na noticia que hoxe publica Faro de Vigo referida ao xuizo que soportan na Audiencia Nacional os catro independentistas galegos acusados de pertenza a banda armada.

Sete deses oito parágrafos (situados case todos ao inicio da noticia; só o último parágrafo está dedicado á opinión de Alfonso Rueda) informan, mesmo con citas textuais, das opinións daqueles declarantes que consideran indubidable a existencia de Resistecia Galega e a pertenza dos catro secuestrados a esa enigmática organización. É dicir, policías e outros “peritos” que declaran a solicitude da fiscalía.

Un parágrafo, parcial, sesgado, incompleto, subxectivo, tendencioso, situado cara ao final da noticia (xusto alí onde a marioría dos/as lectores/as xa non chegan) dá conta moi brevemente do traballo da defensa, centrado en denunciar a recusación por parte do presidente do tribunal dos peritos presentados pola defensa, dous catedráticos das universidades de Compostela e Madrid.

Esta é a obxectividade da prensa do réxime.

Veleiquí a noticia: http://www.farodevigo.es/galicia/2013/06/26/interior-sostiene-resistencia-galega-banda/835277.html

IMAXINE

No nadal de 1971 Jonh Lennon sacaba Imagine, unha canción con ambición utópica que ancorou na intención, nun canto á paz. Ambos conceptos, o nadal e a paz, unidos baixo o paraugas criminal do capitalismo e do cristianismo, constitúen activos de grande rédito para abondas multinacionais e hai tempo que foron externalizados aos arrabaldes da usura, onde o papel rompe con máis asiduidade e é posible enterrar os dedos na desafección.
A paz, como preludio indispensable para o negocio bélico, non como célula vital para o progreso, a igualdade e a fraternidade; e o nadal, tempo no que quen pode pon máis empeño en financiar a felicidade de maneira exhibicionista. A canción de Lennon, secuestrada coma todos os grandes símbolos pola plutocracia, convidaba a imaxinar un mundo mellor, máis xusto. Pois ben, imaxinemos.

Imaxinemos non utopicamente, con método materialista, unha situación se non habitual (todo depende do fallo dunha Sentenza), si factible. Poñamos unha Orde socio-política maioritariamente aceptada na que os súbditos, que nun interesado xogo dialéctico serán chamados cidadáns malia viviren á sombra dun rei paternal e campechano, son amparados por unha Constitución que na teoría non sitúa a ninguén por riba de ninguén e convida a pensar en liberdade, sen cancelas. Poñamos que nesa realidade manifesta Alguén chega a unha conclusión: se cadra que a Orde establecida, esa que concede a graza de opinar en liberdade mentres pecha medios e encerra voces críticas entre as mesmas cancelas que di combater, é en esencia prexudicial para a maioría da poboación.

Se ese Alguén vivise en España, onde a verdade sempre se mira cos ollos cóncavos do Callejón del Gato, sería inmediatamente sinalado co estigma indeleble do terrorismo, condenado sen xuízo e conculcados os seus dereitos civís. Salve Valle, que xa o advertía. Velaí te-la estúpida batalla, escribía Xela Arias hai máis dunha década.

E é que manter as opinións no couto doméstico cando estas ousan denunciar o oprobio, exercermos unha liberdade dócil que non incomode o Capital Killer, non ocasiona problemas. Aí aconsella con rotundidade a cómoda prudencia, ou o medo. Pero se nos recoñecemos libres e actores principais no espazo de acción que media entre un estímulo e a resposta que escollemos por nós e o exercicio desa liberdade vai máis alá, é dicir, é cuestionadora e executiva, alguén pode ver ameazada a cota de privilexio e felicidade que lle outorgaron. Nesta situación o mundo podería deixar de rodar feliz e amnésico. Podería xurdir a consciencia.

Pero sigamos imaxinando. Poñamos que ese Alguén de quen falabamos antes, apupado pola indignación, se atrevese a compartir publicamente os motivos do malestar maioritario e as conclusións do exercicio “legal” de pensar. Entón un resorte había saltar no máis íntimo do sistema de alarmas activando a alerta na mesma cerna da estrutura sistémica que o noso incauto pensador se atreveu a cuestionar. Sen máis, pasaría a ser un perigo potencial, o bit enfermo dun programa que é preciso desactivar. Antes de que ince.

Na realidade o proceso é moito máis cruel:

Imaxine que o deteñen.

Imaxine que o illan.

Ao día seguinte todos os xornais publican a súa foto e repiten a consigna, as palabras malditas que o mesmo Estado protector fixa para conxurar a incomodidade: terrorismo, atentado, violencia, morte. Nos días seguintes a consigna é multiplicada en prensa, televisións e radios mediante novas palabras que golpean no máis íntimo do medo social: organización terrorista, loita armada, posibles bombas, mortes que puideron ser.

Imaxine que o trasladan a centos de quilómetros e o reclúen nunha cela conculcando todo precepto procesual e todo dereito civil. É dicir, e só para empezar, que o illan días e días sen posibilidade de contacto ningún con ninguén: nin familiares nin xuristas.

Imaxine que ninguén fóra desa cela sabe nada de vostede e que vostede nada sabe deles.

Imaxine.

Imaxine.

O 24 de xuño de 2013 é unha fronteira. A esgazadura. Un cambio de frente baseado no abstracto dunha realidade imposta.

O valioso, a vida, penderá doutros discursos.
Ata ese día só podemos especular. Pero tampouco precisamos a resolución de tribunal ningún para recoñecérmonos próximos ao abismo, a fronteira tras a que a posibilidade da caída colectiva se tingue cos matices propios da certeza. O único real é a gran impostura, e que é a liberdade de todos/as, a Liberdade mesma, tan simple e tan transcendente, a que se nos furta.

Imaxine.

Nunca a ficción foi tan real.

http://www.youtube.com/watch?v=ZuZB_guDY3s

Futuro

Por cortesía dos meus camaradas, das miñas camaradas, da FPG.

ÉTICA PROCESUAL: A RETÓRICA DO CHURRASCO

Produción pode significar infinito. Infinito, para a clase traballadora e na lóxica da esquerda republicana, non só é vida digna hoxe senón tamén para quen vén detrás, ignorantes aínda dun crime que xa é tradición. No entanto, na orde que permitimos traballa e produce quen pode e nas condicións que lle impoñen, desde logo nunca favorables, sen un fin máis alá da acumulación de capital en papo alleo e cunha intención que multiplica e se descarta, todo a un tempo. De primeiras a imaxe pode provocar mareo pero a cousa é máis seria. Veredes.
Producir sen un horizonte de luz quen de garantir o futuro, é dicir a seguridade, o infinito, a mesma produción, é coma ofrecerlle de mans espidas solombo a unha hiena: o sorriso é recíproco pero a consecuencia pinta mal para unha das partes e moi ben para a outra. Traballamos, logo, sobre a dúbida, sobre o medo, do que ocorre hoxe e do que poderá pasar mañá. Mentres, o tempo pasa sempre na nosa contra e quen manda se cadra concédenos a graza un metro máis de terra baixo o pés antes do abismo.
Porque quen espera recúa e perde a vantaxe da afirmación, da presenza ofensiva, insalvable para quen enfrontamos. Nesa espera (pola axuda que nunca chegou) morreu a resistencia antifranquista. Dende aquela vimos sufrindo a violencia, activa e pasiva, de quen se perpetuou na oligarquía, a violencia herdada dun proceso que, confiados en que tras a espera había chegar a xustiza, non quixemos rupturista. Nesa espera morreu a poboación xudía que caeu baixo as gadoupas nazis (despois de lle roubaren as casas, os negocios, os cartos, as familias, a dignidade…), sen exercer a violencia lexítima contra quen os alindaba nun tren camiño da morte. E coa espera, coa nosa desesperante espera, matamos hoxe moito máis cós dereitos de noso, da maioría que agarda (por qué?) confiando na súa imprescindibilidade. Matamos o infinito: ao pé das vías ofrecen churrasco espetado en baionetas mentres chega o comboio que nos ha arrastrar á submisión total.
Temos identidade e estamos dispostas a constituíla en suxeito xurídico. Somos a maioría minorizada, e somos porque non negamos ningún horizonte nin para nós nin para a nosa terra. É a nosa clase quen debe tirar a venda dos ollos fronte un camiño con máis luz e esperanza. Esta é a única vía  posible para desaloxar a quen con ínfulas de xinea fidalga ocupa e amortece as institucións deste país. Falamos, é evidente, da posibilidade e da positividade dunha República de nós para nós, de nosoutras para nosoutras. República Galega. Nese traballo estamos e non podemos esperar máis.