CEMENTO MEDO

Hai quen cre aínda que a xustiza é sempre xusta. Pero só é legal. A súa legalidade é incuestionable. Coma as sentenzas do franquismo, legais e tamén criminais. Porque quen decide o que é e o que non é legal son os mesmos que cada día desde as institucións se esforzan en diluír a división de poderes en aras dun control granítico da sociedade. Os ditadores. Os Estados ditatoriais. Os sistemas ditatoriais.

Pero non hai que recuar ao franquismo, vivimos na mesma España, no mesmo Estado policial que hai nada era Estado militar. Hai uns días coñecíamos o proceso cruel de escarmento emprendido contra Pablo Gorostiaga que lle impedía ver, abrazar, aloumiñar e despedirse da súa compañeira antes de esta morrer. Estas fazañas da xustiza debuxan un sorriso na face da horda fascista que antronte asaltou a sede da Generalitat en Madrid.

Xorde unha evidencia ao coñecermos a sentenza que condena a Antón Santos Pérez, María Osorio Lopes, Roberto Rodríguez Fiallega e Eduardo Vigo Domínguez a penas, sen redución posible, de 10 e 18 anos de prisión: España está construída sobre o medo e precisa dun inimigo que o alimente. O medo gaña a condición de conglomerante capaz de unir masas refractarias, clases sociais contrarias. Sería un indicador económico punteiro. Diante do novo escenario político en Euskal Herria, con ETA entregando as armas e a esquerda abertzale de novo nas institucións, o corazón do Imperio decidiu trasladar o escenario da súa particular batalla ao noso país.

Fronte á España do loito, a inmobilización e a represión 1.600.000 persoas sen medo veñen de xuntar as súas mans pola independencia en Catalunya. Emociona a risa, a alegría e a diversión coa que se manifestaron. Algo que España non soporta.

Veñen tempos novos para tod@s. Tempos nos que a solidariedade coas vítimas da represión e as súas familias será bandeira. E á vez tempos nos que non nos podemos permitir prescindir de todas as persoas que ansían máis e mellor vida para quen habita este recuncho do mundo. Non podemos mirar para outro lado coa mesma pasividade coa que asistimos á destrución dos nosos maiores fitos ecolóxicos, políticos ou sociais. Mentres o mal goberno xustifica a súa corrupción homicida apelando a vaguidades e fantasmas criminais, será a sociedade galega quen deberá activar os mecanismos precisos para reverter a criminalización de boa parte de si mesma.

FIN DAS VACACIÓNS