A situación do galego na Administración de xustiza

Artigo publicado en http://prolinguagalega.org/

 

Ninguén ignora que a Administración de xustiza foi sempre e segue a ser un dos ámbitos da nosa sociedade menos permeables e permisivos ao uso da lingua galega. Nos últimos anos a situación empeorou, sobre todo a causa da eliminación das escasas ferramentas coas que se contaba e que permitían, con moitas dificultades, facer parte do traballo en galego. Así ocorreu cos modelos neste idioma implantados nos programas Libra e Minerva (traballo dos equipos lingüísticos integrados nas Audiencias provinciais) e que desapareceron na última actualización, Minerva NOX, o que no marco xurídico-lingüístico é a todas luces unha clara discriminación da lingua propia de Galicia.

 
Problemas informáticos á parte e diante da expectativa da instalación dun novo programa en 2015, aquel traballo de implantación de documentación en galego non tivo continuidade dende que hai Minerva NOX, agás na orde social, na que se seguiron traducindo documentos que, finalmente, nunca se implantaron no programa. Esta parálise quizais tamén foi debida ao retroceso no uso institucional e social do noso idioma. O traballo da Dirección Xeral de Xustiza, dependente da Consellaría de Presidencia, é nulo no que toca á introdución e promoción do noso idioma na administración de xustiza, e só se revelou eficaz para expulsalo dos escasos lugares nos que estaba presente. A este respecto poucos exemplos máis somos quen de contar, e moito máis irrelevantes, que o dos modelos antes citados.

Causas ou inercias?

De observarmos os datos de coñecemento do idioma por parte da sociedade galega (funcionarios e funcionarias forman parte desa sociedade dentro e fóra das oficinas xudiciais) veremos que aquelas porcentaxes non se corresponden, nin de lonxe, cos índices de uso do galego na Administración. Logo, que motivos hai para que a lingua sexa excluída do espazo xudicial? Se ademais a procedencia do cadro de persoal, incluídos maxistradas, xuíces, fiscais e secretarias xudiciais é maioritariamente autóctona, cal é a razón para que se prescinda do galego? Neste punto pensamos nese ermo elitismo, tan propio da dramaturxia xudicial, que colga gravatas do pescozo dos profesionais e tenta arrogar un dubidoso prestixio por medio da exclusión do idioma a priori socialmente peor considerado.

A non esixencia de coñecementos de galego para acceder a un posto na administración de xustiza fai que o funcionariado foráneo que presta servizos en Galicia non estea preparado para entender o xusticiable no noso idioma. Ademais, esta non esixencia degrada a consideración (o prestixio) social do idioma e a percepción entre o funcionariado da conveniencia do seu uso en aras da normalidade lingüística dentro dos xulgados. Consecuentemente son pechadas moitas bocas que, se a percepción social fose outra, se sumarían gustosas ao arduo labor da normalización.

Ora ben, tamén hai que dicir que o descoñecemento do idioma, malia ser considerado como unha das causas principais, está moi lonxe de xustificar a ausencia do galego na Administración de xustiza, pois o uso efectivo está moi por baixo das porcentaxes de coñecemento publicadas polo Instituto Galego de Estatística. De feito, alegar descoñecemento só sería unha mala xustificación para non facer o esforzo de cambiar de lingua, pois a maioría do cadro de persoal puido acceder aos cursos de linguaxe xurídica que se organizan anualmente e que, porén, e ante a imposibilidade de poñer en práctica o aprendido, só se perciben útiles para sumar puntos de cara a posibles traslados ou promocións.

A acumulación de traballo nos xulgados e a escaseza de medios materiais e, sobre todo, persoais determina que traballar en galego sexa unha auténtica odisea. A realidade que impera, isto é, un mal e caótico funcionamento das oficinas xudiciais, fai que o persoal opte por sobrevivir neste caos laboral evitando máis “complicacións” e, á vez, determina que o pouco que se pode facer non responda a un criterio lingüístico, senón unicamente ao voluntarismo, nin remunerado nin recoñecido, de traballadores e traballadoras. É dicir, as inercias de funcionamento en castelán son tan fortes que o galego, cando se emprega, sempre é nunha situación provisoria e vinculado á excepcionalidade. Velaí un bo exemplo de imposición.

Desta maneira, a Xunta de Galicia, por medio da Dirección Xeral de Xustiza, creou unha inercia mala de mudar. Quen opera no ámbito xudicial, e polo tanto todas as persoas que fan rodar a engrenaxe da xustiza, aínda que nas súas actividades persoais ou non profesionais empreguen o galego, desenvolven a consciencia de que cando se deben relacionar coa Administración de xustiza teñen que facelo en castelán e, por tanto, non mostran ningún interese por solicitar o uso do noso idioma no transcurso do proceso.

Esta situación, consecuentemente, provoca que o funcionariado e os administrados vexan o uso do galego nos xulgados como unha innecesidade, artificial ademais, ao que tamén contribúe a pouca demanda que hai da nosa lingua entre os/as profesionais do dereito (que estudan unha carreira baseada na memorización de textos impresos e maioritariamente explicados en castelán). A este respecto convén ter en conta que quen precisa da tutela xudicial nunca acode a un xulgado por causas agradables ou cómodas. Polo tanto, nesas circunstancias, non cabe esperar que de quen só busca resolver rapidamente o seu problema xurda a inercia precisa para cambiar de hábitos lingüísticos.

Lexislación

A regulamentación do réxime lingüístico no ámbito xudicial establécese no artigo 231 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, cuxa redacción constitúe de facto unha clara minoración do principio de igualdade das dúas lingua cooficiais en Galicia e outorga unha evidente preferencia ao castelán respecto ao galego. Segundo este artigo, o galego é de uso simplemente potestativo polo funcionariado, mentres ninguén alegue indefensión. A indefensión é, por suposto, un defecto inalegable respecto do castelán.

O castelán, outramente, é o idioma considerado como habitual na Administración de xustiza. Ademais, o valor xurídico dos documentos redactados en galego que consten unidos ás actuacións é negado cando estes precisen surtir efecto fóra de Galicia. Desta maneira, a obriga de traducir estes documentos ao castelán inhibe a vontade do funcionariado de usar o galego na redacción orixinal.

Verbo disto, cómpre dicir que segundo a miña experiencia (traballei anos a carón dunha das poucas xuízas que sentencia e tramita en galego), non é común, nin moitísimo menos, pedir a tradución de sentenzas redactadas no noso idioma. De se pedir a tradución, non está demais pensar que a iniciativa responde a unha estratexia de dilación do trámite de publicación da sentenza por adiar a súa execución ou por sumar días ao prazo legal para recorrer. Nos anos de traballo aos que veño de aludir neste parágrafo ninguén, ninguén, pediu nunca a tradución de ningunha resolución redactada orixinalmente en galego.

A Lei establece que os cidadáns poden esixir o uso do galego nos testemuños das sentenzas e actos resolutorios. Fóra diso, o funcionariado non ten ningunha obriga de responder en galego cando o xusticiable o interpela nesta lingua. Ata que non se estableza un principio xeral de respecto pola opción lingüística do xusticiable, o dereito á opción lingüística está nas mans do funcionariado e a miúdo depende do arbitrio de xuíces e secretarios xudiciais. Desta maneira, nas oficinas xudiciais é moi habitual que xuízas e secretarias xudiciais sexan quen determinen a lingua que se deberá empregar na súa oficina. Así, a lingua de traballo na oficina xudicial responderá unicamente á vontade do persoal que alí traballa e non á da cidadá que é atendida.

Ao noso ver, a causa básica que motiva a situación que vimos de describir é só unha: hai dereitos lingüísticos que amparan o galego pero non existe a obriga de coñecelo, só o dereito a usalo, segundo se recoñece no artigo 5.2 do Estatuto de autonomía. Porén, na Constitución española malia establecerse no Preámbulo a vontade de protexer todos os españois e pobos de España no exercicio dos dereitos humanos, as súas culturas e tradicións, linguas e institucións e no artigo 3.2 o “respecto” institucional polas outras linguas oficiais, no punto primeiro deste mesmo artigo tamén se lexitima a obriga de saber o castelán en todo o Estado. Consecuentemente, de acordo con este marco legal coxo, incompleto e supremacista castelán, no ámbito administrativo galego non é posible esixir o requisito de saber a lingua propia de Galicia. É por isto que na práctica non se respecta a cooficialidade lingüística de Galicia e se impón o español sobre o galego, con consecuencias moi negativas para o noso idioma.

Conclusións: Idioma ou asumir a outredade

Como resumo do que se dixo ata aquí, a Administración de xustiza, como institución de exercicio do Poder, allea á cooficialidade, apoutou, mesmo a partir de 1981, no uso do castelán case exclusivamente nas súas actuacións e relacións co Pobo galego. É dicir, exerceuse un uso imperativo do castelán sobre o galego. A día de hoxe, tras trinta anos de Autonomía e teórica defensa do idioma propio de Galicia, a súa exclusión é un feito dramaticamente ancorado na normalidade. Esta situación evidencia o impensable: na Casa do Dereito concúlcanse principios fundamentais que alicerzan a nosa sociedade como fonte de dereitos e obrigas.

De conformidade coa lexislación vixente o galego é lingua oficial en Galicia e, polo tanto, pódese empregar indistintamente co castelán en todos os ámbitos, tanto públicos coma privados. Pero é profundamente inxenuo pensar que a escolla do castelán para a interacción co mundo xudicial responde a unha decisión libre, exenta de presións que condicionan a elección. O xusticiable, fronte o representante do Poder, logo asume a posición de aquel e se ve determinado pola súa condición e pola das persoas que con el se relacionan.

En calquera caso, anecdóticos son tamén os casos nos que responsables xudiciais teñen negado o uso do idioma. Pero hainos. Inasumibles, sempre; denunciados publicamente, moi poucas veces. Que esta circunstancia, o coñecemento e uso do idioma galego, non sexa atendida no seu estatuto legal non implica que fóra das obrigas recollidas todo sexa reprobable ou inxusto. É fundamental que o galego estea presente no mundo xudicial. Que estea porque se utiliza. Porque se utiliza con plena normalidade.

Polo tanto é obrigado recoñecer que hai conflito, pois toda a estrutura administrativa está dirixida ao uso exclusivo do castelán. Reverter este feito require de accións decididas e sistemáticas a nivel global que partan da evidencia de que existe unha fonda sima entre a realidade lingüística social e a realidade operante nos nosos xulgados. Coa prudencia debida, cos ritmos e debates que se establezan, fuxindo do dogmatismo estéril e co concurso sindical, absolutamente preceptivo, e social, o camiño non é imposible. Imposible é negalo.

Como cuestión unicamente administrativa, a primeira meta sería demostrar que se pode traballar no idioma propio de Galicia sen causar retrasos nin dilacións indebidas. A segunda, romper a inercia galegófoba na tramitación xudicial. Levar esta iniciativa ao maior número de oficinas xudiciais completaría o primeiro paso para facer do galego unha lingua de uso habitual na administración de xustiza e, á vez, cumprir por fin esa máxima tantas veces repetida: achegar a xustiza ao pobo. En Galicia, á maioría do Pobo. Se cadra a primeira ferramenta, a máis importante, sería dotarnos de vontade. A segunda, dunha Consellería única e útil.

Pero como en Kafka, en Galicia a administración de xustiza é a contraparte dun proceso delirante e inacabado que, a este respecto, loce sobre o papel e en castelán uns méritos que incoarían sen maior problema dilixencias por falso testemuño. A mala fe, a este respecto, é competencia das Cortes, primeiro, e do Tribunal Constitucional, en última instancia. Vímolo en Cataluña.

Somos civilizados porque temos leis, certo, pero non hai nada máis civilizado que rebelarse contra a lei inxusta. Loitar pola xustiza. Esixamos, pois, os nosos dereitos lingüísticos. E esixamos cambiar aquelas normas que impoñan, esta vez si, a minoración legal, pero sempre inxusta, do noso idioma.

Normativa aplicable

Estatuto de Autonomía de Galicia (art. 5)
Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (aprobada polo Consello de Europa en 1992 e en vigor en España dende o 1 de agosto de 2001) (art. 9).
Lei Orgánica 6/1985, de 1 de xullo, do Poder Xudicial (art. 231)
Lei 1/2000, de 7 de xaneiro, de Axuizamento Civil (art. 142)
Carta de dereitos dos cidadáns perante a xustiza (aprobada polo Pleno do Congreso dos Deputados o 16 de abril de 2002).

XOFRE

46664