CÍRCULO

Para Julie Gayet

 

 

 

 

SENTENZA

para Xaquín

 

 

Dende hai dous anos e medio entre os pasaxeiros do auto inclúese un neno. Hoxe o seu ollar fura a noite, prende unha candea e ofrece té. Salva as estrelas da varredura. Tras o vidro, nin o ruído nin os pitbulls, as pingas da xeada, frescas e silvestres coma a flor do codeso, báilanlle na fronte. Hoxe, na súa cadeira de seguridade cabe o universo todo. A nai conduce no país do asento dianteiro; o pai, tamén atrás e lonxe, comparte o silencio do neno.

 
E do silencio e da súa boquiña metamórfica de millóns de anos nace o lapidario dunha sentenza que vale para todo e para sempre:

 

 
“Falta moito para chegar lonxe”.

PRINCIPIO FUNDACIONAL 1

O OUTRO BURGOS

O outro Burgos, o que non é Gamonal, igual que a outra España, a que Castelao escribía con H, coma un teimudo Terminator, segue vivo. Referímonos ao amor constante máis alá da morte que certo Burgos, o que non quere ser Gamonal, insistimos, atende ansioso e afagador. O amor eterno que fai da morte un regalo que hai que desexar, ao que hai que amar. España me pone, dixo un ridículo contemporáneo.

Se outro Gamonal non o impide, o Burgos de corazón aberto e mans dadas ao franquismo homenaxeará, advocación da máis ruín memoria, o xeneral Yagüe esta primavera. A evocación do pérfido que á cabeza das tropas franquistas entrou na Barcelona que sumaría 1.734 presos fusilados entre 1939 e 1952, e que moitos desexan redivivo, desfilando outra vez pola Diagonal á sombra dunha insoportable chambra de mortos; a homenaxe ao xenocida que viña de afogar Badaxoz no sangue de 4.000 fusilados e antes, en 1934, arrasou a Asturias máis consciente, celebrarase na cidade na que morreu en 1952, non lonxe do marquesado que lle regalou Franco por tan bo servizo por España. Sumen mortos e verán que, coma nos roubos de Estado, as amnistías só se aproban cando as cantidades son abominables.

Que venga Yagüe, que venga Yagüe!, que sólo él puede solucionarlo, orneaba o Felón Maior en Marrocos, mentres aprendía doutros asasinos semellantes o que había aplicar sobre a República legalmente constituída.

Un hombre y el resurgir de Burgos. Ese é o título da homenaxe que da man de María Eugenia Yagüe Martínez del Campo, filla do “Carnicero de Badajoz”, se prepara na cidade castelá. A esquerda contemplará a escena, desdeñosa, baixo o peso dunha reconciliación que nunca foi.

A praza de touros de Badaxoz, Montjuïc… seguen a ser lugares de resentimento, non de memoria. Polo contrario, Burgos poderá ser esta primavera, se nada o impide, un lugar de educación cívica no que a Audiencia Nacional, esta vez si, permitirá a renovación da propaganda fascista.