PODEMOS

VOTAR CA LINGUA

O próximo día 25 de maio as cidadás e cidadáns de Galicia que exerzan o seu dereito ao voto teñen unha responsabilidade co idioma galego. Asumirán, na asunción desa responsabilidade, o compromiso de recoñecer que temos lingua propia e o de se recoñeceren entre a singularidade que ese feito nos concede. A lingua galega fala por nós, é de tod@s e se non está no Parlamento europeo, con todos os dereitos e obrigas que iso implica, non estaremos ningún dos habitantes desta terra.

Como cidadás dotadas dos mesmos dereitos que calquera outra persoa en Europa non podemos permitir que non haxa lugar para a nosa lingua na UE, que non sexa oficial. Pero que obxecto ten pedir a súa oficialidade a nivel europeo cando no Estado español non o é? Se todos os cidadáns temos os mesmos dereitos a ausencia do noso idioma en calquera institución da Unión Europea, e España está en Europa, é a chave que abre a caixa das desigualdades.

Como parte crucial dos valores que a Humanidade debe protexer e promover, a Unión Europea está obrigada a recoñecer o noso idioma como parte do celme sobre o que foi construída, garantindo o seu futuro mediante a promoción de políticas audaces en Galicia e a esixencia da fin do acoso partidista que sofre, contra a lexislación vixente, por parte do PP.

O galego, como ferramenta básica da vizosa industria de creación cultural no noso país, deberá gozar da protección e promoción axeitadas para situalo en pé de igualdade co resto de linguas oficiais da Unión. E o mesmo se debería facer coas outras linguas minorizadas en Europa. Da mesma maneira, a Unión Europea non pode permanecer allea ao intenso fluxo cultural (e económico) que sumaría un axeitado apoio á tradución dende e para o noso idioma, á dobraxe da nosa produción audiovisual así como da distribución e emisión en Galicia e en lingua galega daqueles produtos de calidade que suscitasen o interese do noso país.

Cando nun país é normal potenciar a industria do desmantelamento das esencias (e o idioma é esencial), o Parlamento europeo pode ser o lugar do que parta a forza para reverter esa dolorosa expropiación social. É por isto que o día 25 se xoga algo máis decisivo ca os problemas que os intereses partidarios nos obrigan a asumir. A existencia da lingua non pode quedar supeditada ao conxunto dos intereses partidarios. En tempos de crise reivindicar xustiza e igualdade para o noso idioma non é un exceso que se poida adiar ata que o proveito da trama partidaria do capitalismo se vexa satisfeito. Porque nunca quedará satisfeito.