VIXENCIA DE NEBRIJA

Asfaltaba Nebrija, alá polo XV, a xa vella pista do imperialismo lingüístico castelán. O humanista falaba, en rigor, de facerlle a parcelaria da man da cruz e a espada ás linguas indíxenas do Novo Mundo e, de paso, de achaiar o camiño na metrópole para a lingua do imperio fronte ás outras linguas do dominio dos Reis Católicos.

Dende aquela a españolización lingüística do indíxena (indíxena interior na actualidade) segue a ser o gran soño de subxugación e imposición pendente na praxe imperialista española, dende Nebrija a Wert. Dende “La lengua y el imperio van de la mano” a “Nuestro interés es españolizar a los niños [catalanes]”, pasando polo “Por qué no te callas!”, síntese de ambas boutades, non exenta de rancor e cuspida conscientemente nun escenario internacional, a América outrora española.

A anulación cultural e a imposición secular, posta en escena no outono desta España mediante o exabrupto do suxeito arquetípico da Coroa española nas súas motivacións evanxelizadoras e económicas, poñen de manifesto a vixencia da vontade directora de España sobre os estados que, polo menos culturalmente, aínda considera colonias. Fan uso da linguaxe como arma de imposición e pretenden eternizar o imperio. Nunha descodificación aproximada, mesmo na linguaxe xestual do descomposto ser hierático, a interpretación podería ser a seguinte: “Deiche a Lingua (a Linguaxe) para que digas o que eu quero. Falas en lingua cedida, aprendida, que me pertence, e reclámoche a súa posesión: Por qué no te callas!”.  A mentalidade polivalente do Borbón, mesmo no contido semiolóxico, índice ameazante, fíxose manifesta. “Voso é o complexo de bastardía”. Jacques Le Goff deixouno escrito: a mentalidade é o último que cambia.

***

Do paradoxo da discrecionalidade legal española -lexíslase pero non se cumpre- somos testemuñas dende o inicio da autonomía. Certa legalidade nunca foi observada, senón como sombra da democracia indispensable que nos era requirida na era pre-Maastricht. Cumpría maquillar que non houbera Transición, senón Restauración.

Dicíamos que unificar a lingua aínda é trámite preceptivo para unir a patria (aínda metrópole). No proceso de legalización da sombra as linguas autóctonas foron consideradas co grao de linguas bárbaras. Na práctica, de artesanía no tempo dos modos de produción máis turbo-voraces. De aí ao folclorismo apenas hai treito. O modo como operou o proceso de anulación cultural mediante a imposición tecnolóxica do idioma evidencia que a escola foi un dos principais instrumentos para propagar a lingua do poder, malia prescribiren os Estatutos de autonomía e a Constitución o respecto e a promoción das linguas autóctonas.

***

Contra as prexuizosas crenzas de certo norte rico e mal intencionado, España sempre foi de moito limpar. De sempre tomou preferencia por asear a casa común (a Lengua común: a analoxía non podería ser máis oportuna) de canto lixo puidese afuscar a imaxe de pureza e unidade que o Estado pretendía proxectar internacionalmente e que o nacionalcatolicismo de Franco se encargou de modernizar polas bravas ata elevalo a altura de dogma inapelable.

Limpar España de linguas bárbaras, de mouros (mouriscos, mudéxares ou sarracenos), xudeus, xitanos…, antano; hogano roxos, masóns, nacionalistas, linguas bárbaras (outra vez), mouros (outra vez), sudacas ou canto estranxeiro pobre ouse trepar estas terras, foi e é práctica mil veces ensaiada e xustificada nunha grandeza que, de ser xustificable, quedou en miraxe para conformistas ou souvenir de autoconsumo. Sería irrisorio se non fose polo sangue que custou e porque para conseguir nada levan séculos acabando con todo.

***

Cincocentos anos despois da sentenza nebrijana procurar a extinción das linguas españolas que non son o castelán mantense como doutrina de práctica diaria sexa quen for o goberno que ocupe a quenda. Centurias desde Nebrija atinaba plenamente Castelao cando nos dixo da incapacidade de Hespaña para completar un proceso que, contra a propia teimosía, se revela imposible. Nas razóns negacionistas a versión remozada daquela Hespaña é máis España sen lingua galega. E o bipartidismo sistémico pretende vender este xenocidio (Pessoa dixo que as palabras son xente) en Galicia no nome da civilización e do progreso. O castelán como espazo único de ilustración e prosperidade.

Cando o Poder finca as poutas sobre o ignorado (e España, aínda vaidosa, fai gala da súa ignorancia) e o trata coma obxecto, coma alimento, a philia é imposible. Toda ebriedade desemboca no abuso e a degradación rilla como a couza no privilexio dos vencedores. España sucumbirá a ese exceso. Galicia liberarase do estatuto do desdén colonial, encarará proxectos máis ambiciosos e próximos e será como a queremos, próspera, popular e en galego.

(Artigo publicado n’O Xornal da CUT en outubro de 2014)

Meterse ca Pedra

Entrar na Pedra é entrar no mundo. Percorrelo saltando de fronteira en fronteira, tamén sobre as fronteiras legais. Esas que pechan de palabra o que de obra é móbil e inabarcable. A Pedra é o recuncho máis enriquecido de Vigo polo sentido que adquiriu sorteando unha legalidade inxusta. Na miña infancia ourensá A Pedra era A Pedra antes de Vigo ser Vigo.

Como na literatura picaresca, A Pedra bebe dun realismo itinerante narrado en primeira persoa, ao servizo de varios amos e dirixido por unha ideoloxía moralizante e desapiadada. Non séndomos irónicos, a Pedra é a Vigo o que o Bazar a Istambul, Camdem a Londres ou A Ladra a Lisboa, onde o 80 % dos produtos que alí se ofrecen son falsificacións.

Na Pedra o primeiro que se ofrece é humanidade. É dicir, que atesoura un valor que vai moito máis alá do mero feito de ser un lugar de referencia. Certos feitos, coma o asalto do poder xudicial a este mercado popular a pasada semana confirman as ansias que ten o poder por matar a vida social, comunitaria, as relacións humanas, en definitiva, alá onde agroman. A Pedra é coñecer e recoñecer Vigo. Un cruzamento de camiños, na era das compras por intenet, que axuda de maneira fundamental a tecer a viva arañeira local. Meterse ca Pedra é meterse coas clases populares. Meterse con Vigo.

No tempo no que as responsabilidades penais se dilúen coma pedras de xeo no whiskey dos poderosos, ninguén pedirá amnistía para a Pedra. Ninguén verá que a intensidade, o desconcerto e a curiosidade que emana da Pedra marcan o ritmo, para ben, da idiosincrasia viguesa. Matar a Pedra, matar os mercados populares, é matar un dos poucos elementos comúns a todas as culturas. O pouco que queda de común en Vigo.

(Artigo publicado na páxina web da CUT o día 21/10/2014: http://www.cutgaliza.org/index.php?option=com_content&view=article&id=783:meterse-ca-pedra&catid=33:da-cut&Itemid=44)

Baltar cazado

20060404031842-conejos-de-chocolate