Que falen os mortos!

Manda a Consellaría que a estratexia na promoción do noso idioma pase polo cemiterio. Será que, como mandan as tradicións homologadas por Hollywood, andamos no tempo de celebrar o inframundo e inzan polas rúas as fadas escuras ou, se cadra, que calcamos a terra máis envellecida do mundo?

Se as campañas públicas deben dirixirse á maioría da poboación, fai moito ben a Consellaría. A ourensás e ourensáns, cidade e provincia, a existencia só nos premia con dúas certezas. Emigración e cemiterio, por esta orde (o da orde constitúe un dos grandes logros acadados cos fondos FEADER e décadas de xestión Baltar). Gloria, logo, ao santo monoteísmo, que permite que os mortos voten, bailen e sexan obxecto de atención institucional. O das augas de acción panteísta, mil anos despois, vai abríndose camiño.

“Os concellos promoverán o uso do galego nos cemiterios”, titulaba hai uns días La Región. Está ben. Como os datos oficiais sobre o uso do galego indican que entre 2001 e 2011 a porcentaxe de quen fala habitualmente o noso idioma baixou do 57 ao 44 %, o máis adecuado é mandar os escasos recursos destinados á súa promoción para onde imperan as caras serias, as lágrimas e, un par de días ao ano, a lixivia e os cepillos de sedas.

Ourense camiña cara ao completo panteísmo de absorción co que alucinaba Unamuno por Pontevedra, fúnebre e en galego. O Ártico derrete e o idioma tamén e escorre polas físgoas das campas. Os mortos rilan os dentes coa fame e parecen dicir, mal gaño leva quen pretende habitar a gloria. Por aquí sempre tiramos máis cara ao animismo. O dos que animan os vivos, poñamos que nas escolas, nas salas de cine, no lecer, na ciencia, no deporte…, e invisten neles os recursos públicos.

(Texto remitido a La Región o 4 de novembro para que fose publicado como carta ao director. O xornal ourensán acordou non publicalo)

C3E445CFF