O AFECCIONADO ANORMAL

Cando algo non é normal pode ser de moitas maneiras. E non todas boas. Tamén neste sentido, na abundancia e polisemia que conceden os prefixos, por exemplo, o idioma é rico. A palabra normal admite poucos pero ben significativos, valla a redundancia. Digamos, logo, que o que non é normal pode ser anormal, subnormal, e pouco máis. Sempre en negativo.

Dito isto cómpre lembrar as declaracións que facía o 30 de novembro o Presidente da Liga de Fútbol Profesional, Javier Tebas, referíndose a Francisco Javier Romero Taboada, Jimmy, o seareiro do Deportivo da Coruña asasinado en Madrid por membros do nazi Frente Atlético: “Si hubiera sido un aficionado normal, se había suspendido la jornada”.

A anormalidade non é que Jimmy fose galego e dos Riazor Blues e que iso signifique que a súa morte carece de importancia. A anormalidade non é que a morte de Jimmy sexa celebrada pola ultradereita española e desprezada pola policía, a prensa, os políticos… A anormalidade tamén non é que persoas coma Javier Tebas, de orgulloso pasado e presente fascista, poidan ser presidentes dun club de fútbol e que iso lles permita dar infraestrutura e cobertura legal e orzamentaria ao nazismo organizado, e que iso signifique que a morte dun galego en Madrid sexa, agora si, normal e mesmo buscada pola propia vítima. A anormalidade tampouco é que para a opinión pública (mérito da prensa) Jimmy fose un verdugo ata o mesmo intre de se converter en vítima… A anormalidade radica en que isto non é perseguido pola xustiza e en que, consecuentemente, se permite que o fascismo campe á vontade no fútbol coa anuencia de presidentes, xogadores e adestradores.

A prensa tamén definiu a Jimmy como unha persoa conciliadora no ambiente futbolístico. Un seareiro do Deportivo da Coruña. Unha persoa normal. Polo tanto esta non é unha historia de violencia gratuíta, senón un capítulo máis da eterna loita contra o fascismo. E xa sabemos de que parte está o poder.

Fascismo, nunca máis!

(Este texto foi remitido como carta ao director de La Región o 01/12/2014. O xornal decidiu non publicalo)

Comments are closed.