O OVO DE JÁCOME

Lanzar non me parece a palabra axeitada. Para o que vén de ocorrer en Ourense gústame moito máis a correspondente portuguesa. Arremesar. Ou arrebolar, por quedarmos no país e no idioma. Supoño que gaña en eufonía e ten un aquel de aliteración.

Grandes cousas foron arremesadas na Praza Maior de Ourense. Cando se instaurou a II República española, tal día coma hoxe pero de 1931, arrebolaron co retrato do rei dende o balcón da Casa do concello. Eu mesmo vin voar adoquíns sobre as cabezas de centos de persoas nas manifestacións do Prestixe. Sen feridos. E agora súmase á listaxe o ovo de Jácome. Magnífico.

Tal e como titulaba onte certo xornal vigués, un “músico ocasional” (sintagma errado e malintencionado: o músico érguese músico e déitase músico. Non hai ocasionalidade. Un músico, como unha música, é músico en todo momento, non só en canto toca. Non le o xornal, interprétao. Non comproba o grao de madurez da froita, púlsaa. Non sintoniza o televisor, afínao. Non bica, tempera. E así sempre. Por iso ese “ocasional” é pura poesía. Porque nunca, nunca, un musico é ocasional fóra da lírica ou da literatura neurótica) arreboloulle cun ovo ao representante de Democracia Orensana, Gonzalo Jácome, na Praza Maior da miña cidade. Para o ocasional receptor do ovo a Banda Municipal cústalle demasiado ás arcas públicas e cómpre recortar de maneira drástica (adxectivo que emprega o citado xornal, seica arremesado polo propio Jácome no pleno) a súa partida orzamental. O rebozado membro da corporación municipal viña de presentar, neste sentido, unha moción. E o percusionista, facendo gala de virtuosismo e sabéndose músico as vinte e catro horas, viu un pelello e non puido resistir a tentación de tanxelo con xeito. De probarlle a tensión. De calibrarlle a vibración. Bravo! Bravísimo!. Por primeira vez os aplausos poderían vir da banda e non do público.

E tenso estaba, abofé que si. Porque o citado membro, que só é membro a tempo parcial, tamén quixo ser policía, axente da orde pública, sheriff sen estrela, e deu en perseguir o músico polas rúas da cidade. Cal Wagner furioso dirixindo con luvas algún compositor xudeu. Xa o estou oíndo: “deteñan ese músico defensor da música!”.

O resto da corporación municipal, que ben logo se apresurou a condenar o feito (en política un debería ter conta co que condena, non se pode condenar a feito porque calquera día non lles quedará outra que condenar a condena), debería ler a Paco Sampedro para saber de que vai iso da violencia excedente.